viernes, 15 de septiembre de 2017

MOSTRA COLECTIVA GRAPHIC JAM

A mostra colectiva do GRAPHIC JAM ten como obxectivo dar visibilidade e conformar un mosaico da produción galega dentro do ámbito da creación visual, multimedia e gráfica.

A duración da mostra será desde o 30 de setembro ata o 30 de outubro, e terá lugar no centro Ágora (lugar da Gramela, 17) da Coruña.


BASES


PARTICIPANTES

Poderán participar na mostra todos os creadores galegos ou afincados en Galicia, sen límite de idade, co propostas artísticas que entren dentro dos campos da ilustración, deseño gráfico, audiovisual, videoxogos ou escultura. Cada participante poderá concorrer á convocatoria cunha soa obra.


PRESENTACIÓN DE OBRAS

A convocatoria de participación rematará o 24 de setembro e as obras presentaranse mediante o envío ao enderezo de e-mail minhocoestudio@gmail.com, axuntando a imaxe/vídeo, ou, se fose preciso, unha ligazón a unha plataforma na nube da obra, e unha ficha cos datos desta.


DOCUMENTACIÓN

No caso de obra impresa a imaxe deberá estar en formato TIFF ou PDF a 300ppp e en modo CMYK. Axuntarase unha copia do DNI/NIE ou pasaporte, e indicarase o ano de realización da obra, a técnica/materiais e o título da obra ou do proxecto ao que pertence. As imaxes deben adaptarse a un A3 (poden ocupar toda a superficie ou parte dela).

No caso de esculturas ou maquetas, enviarase unha fotografía de fronte e de perfil desta. Axuntarase unha copia do DNI/NIE ou pasaporte, e indicaranse as dimensións da obra, o peso, o ano de realización, a técnica/materiais e o título da obra ou do proxecto ao que pertence.

No caso de obras audiovisuais, axuntarase ou enviarase unha ligazón a un vídeo de máximo 5 minutos, en calidade mínima de 1080x720. Axuntarase unha copia do DNI/NIE ou pasaporte, e indicarase o ano de realización da obra, a técnica e o título da obra ou do proxecto.


SELECCIÓN DE PARTICIPANTES

A selección dos participantes da mostra correrá a cargo da entidade organizadora, baseándose en criterios de calidade e de diversidade de campos profesionais. Ademais, resérvase unha cota de participantes para as entidades colaboradoras.

Comunicarase aos candidatos se foron seleccionados entre o 25 e o 26 de setembro a través do enderezo de correo electrónico coa que presentaron as obras.


MONTAXE

A montaxe das obras impresas correrá a cargo da organización do evento, e estará distribuída por diferentes zonas do centro Ágora.

As obras audiovisuais montaranse nun só bucle de vídeos, respectando o formato de cada unha e incluíndo os datos de autoría, e serán proxectadas nunha das paredes do centro de forma permanente.

A montaxe e o desprazamento das esculturas ou maquetas correrán a cargo dos autores, que poderán levalas o día da montaxe, 29 de setembro. A organización do evento non se fai responsable de danos ou roubo deste tipo de obras, polo que os autores terían que xestionar un seguro propio en caso de querelo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario